Benvidos ó sitio da Neveira de Lousada!
Este é o blog da Casa da Neveira de Lousada, e xurde logo de ter traballado na prospección, investigación, documentación e elaboración dos contidos culturais relacionados co Proxecto da Casa da Neveira e o seu Campo de traballo internacional. Este proceso sigue operativo durante todo o ano, na medida das posibilidade. Este sitio pretende ser un punto de divulgación dos contidos rescatados así do esquecemento, e un paso mais a prol da nova posta en circulación dos mesmos. Dentro desta filosofía do proxecto, consideramos que, hoxe, a vella neveira de Lousada asimílase mais cun faro que co seu cometido orixinal. Un "faro", pois, cuxo estudo permite iluminar otanto o pasado local como o remoto. Un facho nas alturas dende o que proxectar unha luz nova e rescatar para a sociedade actual os vellos contidos que transcenden ós tempos. Pasen, se o desexan, e vexan.
Xunto cos compañeiros/as e participantes do proxecto, percorremos os lugares, falamos cas xentes, procuramos información e relacionamos uns contidos con outros. De cada un deses encontros xurde unha imaxe parcial, un alustre no solemne solpor da historia da Neveira de Lousada.
Cada un deles remite a un tempo, in intre ás veces, do ascenso e caída da sociedade na que a casa da neveira e a explotación do xeo foron protagonistas dun complexo mundo de intensos contrastes sociais. Fragmentos, pois, do gran teatro da vida. Actos dunha representación na que o guión o escribe a historia.
Son moitas as persoas ás que debemos agradecemento. Estás son apenas algunhas das primeiras que nos acolleron e nos permitiron aprender, entender e documentar para que todo un mundo non desapareza como auga entre os dedos. A todas elas o dedicamos o agradecemento mais sentido, con especial lembranza de Alicia Bouza Soto. Á súa inesquecible lembranza.
Mesmo no breve percorrido acumulado, á cantidade e de información atesourada xustifica por si mesma a conveniencia de que toda esa equipaxe cultural comece a estar dispoñible, en primeiro lugar, para as mesmas xentes que son titulares natos da mesma: As persoas ás que todo esto lles toca mais de preto, os veciños e veciñas desta parte de Galicia onde o mundo se chama Lousada.
Neso traballamos e, mentres tanto, este blog tentará achegar unha imaxe de conxunto, unha imaxe coherente, que vaia integrando os múltiples fragmentos recollidos nun discurso mais amplo que permita ir entendendo mellor os tempos da Casa da Neveira e o seu contexto.
Este espazo quere ser, tamén, un modesto pago da débeda de gratitude adquirida cas xentes desta parroquia e das do concello de Xermade. Pola súa hospitalidade, amabilidade e boa disposición. Sendo así, para esta primeira entrada do sitio abonda dicir: Grazas, moitas grazas!