Entre os obxectivos principais do Campo de Traballo Internacional da Casa da Neveira de Lousada, están a proxección global dos contidos relacionados con este ben cultural, así como a creación dun contexto que permita a construción colectiva dunha imaxe do pasado da contorna e do que denominaremos “ O Tempo da Neveira”, mais facelo de xeito que sexa operativo hoxe en día, atendendo ás necesidades locais do presente e sexa unha ferramenta axeitada para incorporar de novo á vella neveira e o seu mundo de contidos relacionados, ó xiro económico e cultural do século XXI do Concello de Xermade e os seus arredores da Mariña Galaica.
Entre as dúas edicións desta iniciativa, nos anos 2015 e 2016, 24 participantes teñen achegado os eu traballo, esforzo e ilusión a un proxecto que, deste xeito, ten acadado xa algunha repercusión en países como Alemaña, Rusia ou Turquía ademais de no resto do estado e de Galicia, mediante a concorrencia de mozos e mozas de Canarias, Aragón, Valencia e o País Vasco.
Así, mediante unhas horas de traballo matinal e a participación en actividades culturais e de lecer polas tardes, o mundo na Neveira vai, paseniño, manifestando a súa enorme riqueza de contidos e a súa capacidade para ser un verdadeiro faro cultural ergueito nas alturas da Serra da Carba.